24 de outubro de 2019

Hoxe no recreo... Aitana e Iago contaron Sopa Verde!

Hoxe, xoves 24 de outubro tivemos unha actividade especial no recreo. Aitana e Iago inauguraron os contacontos dos recreos na biblioteca co conto Sopa Verde, de OQO Editora.



Eles elixiron este conto porque pensaron que lles gustaría aos nenos e nenas máis pequenos da escola. Aitana e Iago prepararon carteis para anunciar o contacontos, anunciárono pola megafonía pola mañá para que todas e todos se enteraran do evento e repartiron un cartel por clase para convidar a todo o alumnado.



No recreo a biblioteca estaba chea de nenos e nenas que querían asistir ao contacontos!
A actividade foi un éxito, os nosos contadores fixérono de marabilla, e aínda que ao principio dicían que estaban algo nerviosos, non se lles notaba nada, son uns auténticos profesionais!
Tamén debemos dicir que o público asistente se portou xenial, moi calados e atentos durante todo o conto.



Moitas grazas, Aitana e Iago!

O xoves 7 de novembro voltamos cun novo contacontos. Quen serán os seguintes contadores e que libro escollerían? Pronto o descubriredes na biblioteca de Centi!

Iago consigue o bottle challenge sen querer!

Hoxe, na hora de Matemáticas, mentres corrixiamos exercicios entre todos, produciuse algo totalmente inesperado: a Iago caeulle a botella de auga da mesa ao chan e... non o ides crer! Mirade como caeu a botella:


Foi un momento moi divertido! Mirade como escachaban coa risa:


I Peregrinación Escolar do Camiño Inglés

O martes 22 de outubro as nenas e nenos de 5º e 6º de primaria do CEIP Plurilingüe de Centieiras, acompañados por 4 mestras, fixemos a I Peregrinación Escolar do Camiño Inglés.

Saímos da escola ás 9:15 e fomos en bus ata o porto de Ferrol, desde onde comezamos a nos camiñata.

Percorremos 10 quilómetros, pasando pola Capela das Angustias e a Capela de Caranza ata chegar ao Mosteiro de San Martiño de Xuvia, no Couto.


Tivemos moita sorte co tempo, xa que tivemos un día estupendo para camiñar e desfrutar do aire libre.




Foi unha xornada moi especial na que fixemos exercicio, falamos e bromeamos durante a camiñata e experimentamos o que senten os peregrinos na súa viaxe cara Santiago de Compostela.






4 de outubro de 2019

Visita de Conchi a 6º para falarnos do Camiño de Santiago

Hoxe foi unha día moi especial no CEIP Plurilingüe de Centieiras, porque familiares do alumnado da escola viñeron falarnos sobre as súas experiencias facendo o Camiño de Santiago.


Á clase de sexto veu Conchi, a nai de Xavi, e a súa visita foi un gran agasallo para nós. Todo o que nos contou foi moi interesante e emotivo e enganchounos desde o primeiro momento co relato das súas vivencias ao longo do Camiño do Norte, en 1993, e o Camiño Inglés, en 2017. As súas dúas experiencias percorrendo o Camiño foron moi distintas, aínda que enormemente enriquecedoras para ela, por todo o que nos contou na clase.


Amosounos a súa Credencial do peregrino selada e tamén as dúas Compostelas, que acreditan que percorreu as rutas mencionadas anteriormente.






Ademais, ensinounos fotos de persoas que coñeceu ao longo da peregrinaxe, xa que facer o Camiño fai posible que xente de moi diversas procedencias e culturas se atopen polos montes e camiños de Galiza cun obxectivo común, chegar a Santiago e desfrutar da fermosa vista da Catedral desde a Praza do Obradoiro, abrazar ao Santo e poder dicir con orgullo que completaron unha importante fazaña, como é percorrer a pé tantos quilómetros, a pesar das dificultades que poden aparecer, como poden ser as inclemencias do tempo, as lesións ou o esgotamento.



Xavi, igual que todas e todos os demais, non perdía detalle dos momentos tan divertidos e emotivos que a súa nai compartiu con nós.

Para finalizar, o alumado de sexto fíxolle moitas preguntas, que Conchi contestou unha a unha, para dar resposta a todas as dúbidas que tiñan sobre distintos aspectos, como canto peso debe ter a mochila e que se debe levar nela, se atopou animais salvaxes coma corzos ou xabarís e cales foron os momentos máis duros que viviu facendo o Camiño.

Xa para rematar, todas e todos os que formamos parte do CEIP Plurilingüe de Centieiras queremos expresar o noso agradecemento, tanto a Conchi, como a todas e todos os que hoxe quixestes vir á escola e compartir con nós momentos tan especiais e inesquecibles das vosas vidas, incluída a nosa mestra Ana, que tamén relatou a súa experiencia como peregrina á clase de 5º. Encantounos a vosa visita e quedades convidadas e convidados a volver cando queirades.

De esquerda a dereita: Juana, Javier, Juan José, Cora, Óscar, Diego e Conchi

De esquerda a dereita: Juana, Óscar, Cora, Diego, Laura, Conchi e Javier

 Moitas grazas polo vosa colaboración!

O Camiño Inglés

Na clase de sexto estivemos aprendendo moitas cousas interesantes sobre o Camiño Inglés, unha das rutas marítimas xacobeas.

 

  

Desde o século XII, peregrinos procedentes de Inglaterra, Irlanda, Escocia, Países Baixos, países escandinavos e o norte de Francia chegaban en barco aos portos de Ferrol e A Coruña e, desde aquí, continuaban a súa peregrinaxe cara a Compostela.

 

Para aprender máis sobre o Camiño Inglés estivemos traballando coas unidades didácticas e os materiais facilitados pola Fanpa Ferrolterra aos centros que imos participar na I Peregrinación Escolar do Camiño Inglés e Xacobeo 2021.

 


Que concentradas e concentrados estaban as rapazas e rapaces de 6º do CEIP Plurilingüe de Centieiras!