Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta contos. Amosar todas as publicacións

23 de abril de 2020

23 de abril, Día do Libro



Hoxe é XOVES DE CONTOS e celebramos o Día Mundial do Libro e do dereito de autor.
Visitade o blog da biblioteca para ver o vídeo coas recomendacións do alumnado do cole e para ver contos contados polos nenos e nenas.

28 de novembro de 2019

Xoves de contos: Noa e Paula contaron Orellas de Bolboreta

Como xa saberedes, todos os xoves as nenas e nenos de sexto contan un conto durante o recreo na biblioteca para o alumnado que queira asistir. As propias contadoras e contadores escollen o conto que van ler, preparan a lectura e fan un debuxo anunciando o contacontos. Cando chega o día, anuncian o conto por megafonía ás nove da mañá, para que todo o alumnado da escola o escoite e, a continuación, reparten un convite para cada clase.


Este xoves, 28 de novembro, foi o turno de Noa e Paula, que contaron Orellas de Bolboreta. A biblio estaba ateigada e elas fixérono de marabilla!

 


Noraboa, rapazas!!!

27 de novembro de 2019

Hora de ler coas afilladas e afillados!

Hoxe, 27 de novembro, tivemos a sorte de compartir a hora de ler coas afilladas e afillados de Educación infantil. Fomos buscalos ás súas aulas e despois estivemos léndolles contos. Algúns estivemos na biblioteca e outros no recanto das familias ou nos bancos da planta baixa.
Mirade que a gustiño estivemos:











Xa estamos desexando que volva ser mércores para repetir a experiencia!

26 de novembro de 2019

Somos madriñas e padriños!

O pasado venres, día 22 de novembro, o alumnado de sexto amadriñou e apadriñou aos nenos e nenas de Educación infantil. Con este acto preténdese que cada nena e neno da escola teña a outro alumno ou alumna maior de referencia que lle axude e acompañe en actividades grupais ou de todo o centro. Ademais, os de sexto tamén pasarán as horas de ler dos mércores cos seus afillados e afilladas lendo contos.












Deste xeito, créanse vínculos moi especiais entre o alumnado. Os pequenos están encantados de ter un maior que pasa tempo con eles e os maiores non poden estar máis felices e orgullosos de axudar e coidar dos nenos e nenas de infantil. Foméntase así un sentido da responsabilidade moi importante entre o noso alumnado, que está desexando xa que chegue o seguinte mércores para volver compartir lecturas e contos cos seus afillados e afilladas.

Aitor e Diego contaron Manu na biblioteca

O pasado xoves, día 21 de novembro, tocoulles estrearse coma contadores a Aitor e Diego. Para o seu contacontos escolleron o libro "Manu".


Ese día pola mañá, coma todos os xoves de contacontos, anunciaron o contacontos pola megafonía da escola e repartiron convites para todas as titorías.

No recreo contaron o conto e fixérono de marabilla, todo o público estaba moi atento!



Noraboa, rapaces, sodes uns auténticos contacontos!

Lara e Abril contaron Cocorico na biblioteca

O pasado día 14 de novembro foi xoves de contacontos na nosa biblio. Desta volta tocoulles o turno a Lara e Abril, que escolleron Cocorico para contar ao alumnado que quixo asistir durante o recreo á biblioteca.


Ese día pola mañá, coma todos os xoves de contacontos, anunciaron o evento pola megafonía da escola e o alumnado entrou no cole a ritmo da canción Cocorico, para ir quentando motores de cara ao contacontos. Despois, repartiron convites para todas as titorías.

No recreo contaron o conto e fixérono xenial, todo o público quedou encantado!




 Noraboa, rapazas!


Marco e Rodrigo contaron A Cabra Boba

O pasado día 7 de novembro Marco e Rodrigo contaron A Cabra Boba durante o recreo na biblioteca. Fixérono de marabilla, aínda que ao principio dicían que lles daba vergoña, pero non se notou nada.






O público asistente desfrutou moito co seu conto, fixérono moi ben. Os contacontos dos recreos son un éxito, bravo rapaces!

24 de outubro de 2019

Hoxe no recreo... Aitana e Iago contaron Sopa Verde!

Hoxe, xoves 24 de outubro tivemos unha actividade especial no recreo. Aitana e Iago inauguraron os contacontos dos recreos na biblioteca co conto Sopa Verde, de OQO Editora.



Eles elixiron este conto porque pensaron que lles gustaría aos nenos e nenas máis pequenos da escola. Aitana e Iago prepararon carteis para anunciar o contacontos, anunciárono pola megafonía pola mañá para que todas e todos se enteraran do evento e repartiron un cartel por clase para convidar a todo o alumnado.



No recreo a biblioteca estaba chea de nenos e nenas que querían asistir ao contacontos!
A actividade foi un éxito, os nosos contadores fixérono de marabilla, e aínda que ao principio dicían que estaban algo nerviosos, non se lles notaba nada, son uns auténticos profesionais!
Tamén debemos dicir que o público asistente se portou xenial, moi calados e atentos durante todo o conto.



Moitas grazas, Aitana e Iago!

O xoves 7 de novembro voltamos cun novo contacontos. Quen serán os seguintes contadores e que libro escollerían? Pronto o descubriredes na biblioteca de Centi!

31 de outubro de 2018

Pasámolo de medo no Samaín!

O martes 30 de outubro celebramos o Samaín na escola. Tivemos a proxección dun vídeo, unha canción e a lectura dos contos gañadores do III Concurso de Contos de Medo.
O noso compañeiro Xabi Fernández foi o gañador de 5º de primaria. Para ler o seu terrorífico conto, titulado Non Entremos nas Aulas!! premede aquí.


 Xabi durante a lectura do seu conto Non Entremos nas Aulas!!