28 de novembro de 2019

Xoves de contos: Noa e Paula contaron Orellas de Bolboreta

Como xa saberedes, todos os xoves as nenas e nenos de sexto contan un conto durante o recreo na biblioteca para o alumnado que queira asistir. As propias contadoras e contadores escollen o conto que van ler, preparan a lectura e fan un debuxo anunciando o contacontos. Cando chega o día, anuncian o conto por megafonía ás nove da mañá, para que todo o alumnado da escola o escoite e, a continuación, reparten un convite para cada clase.


Este xoves, 28 de novembro, foi o turno de Noa e Paula, que contaron Orellas de Bolboreta. A biblio estaba ateigada e elas fixérono de marabilla!

 


Noraboa, rapazas!!!

27 de novembro de 2019

Hora de ler coas afilladas e afillados!

Hoxe, 27 de novembro, tivemos a sorte de compartir a hora de ler coas afilladas e afillados de Educación infantil. Fomos buscalos ás súas aulas e despois estivemos léndolles contos. Algúns estivemos na biblioteca e outros no recanto das familias ou nos bancos da planta baixa.
Mirade que a gustiño estivemos:











Xa estamos desexando que volva ser mércores para repetir a experiencia!

26 de novembro de 2019

Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Onte, día 25 de novembro de 2019, foi o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
A semana pasada todo o alumnado do sexto pino participou nas actividades organizadas pola Fanpa Ferrolterra Concepción Arenal. Estas actividades foron as I Xornadas Escolares de Ferrolterra pola Eliminación da Violencia de Xénero, que consistiron na realización dunha unidade didáctica sobre igualdade e violencia de xénero.
A outra proposta da Fanpa Ferrolterra foi o I Encontro Escolar pola Eliminación da Violencia de Xénero. O alumnado de cada escola participante tiña que colocar un lazo de cor violeta cunha mensaxe en prol da igualdade e contra a violencia nunha celosía, que posteriormente sería exposta na sede de Afundación en Ferrol.
Onte, 25 de novembro, foi a inauguración da exposición na que se poden ver todos os muros cos lazos e mensaxes do alumnado. Para este acto tivemos a sorte de ir dúas mestras do cole con Antía de quinto e Iago de sexto a ler o manifesto conxunto contra a violencia de xénero e a recibir un diploma de ter participado nesta iniciativa común.




Antía, a nosa compañeira da clase de quinto, foi a encargada de participar na lectura do manifesto xunto con alumnado doutros centros educativos participantes e Iago recibiu o diploma en nome do CEIP Plurilingüe de Centieiras.


Tivemos a sorte de atopar alí á nosa querida mestra Paloma e sacamos unha foto con ela. Mirade que guap@s!


Tamén fixemos unha foto con Juana Barro, Concelleira de Cultura do Concello de Fene.


Aquí están os dous protagonistas do día. Fixérono de marabilla, noraboa rapaces!


Ao chegar á escola fixeron entrega a Silvia, a Xefa de Estudos, do diploma que recibiron en nome de todo o centro.

Antía e Iago, moitas grazas pola vosa participación!

Somos madriñas e padriños!

O pasado venres, día 22 de novembro, o alumnado de sexto amadriñou e apadriñou aos nenos e nenas de Educación infantil. Con este acto preténdese que cada nena e neno da escola teña a outro alumno ou alumna maior de referencia que lle axude e acompañe en actividades grupais ou de todo o centro. Ademais, os de sexto tamén pasarán as horas de ler dos mércores cos seus afillados e afilladas lendo contos.












Deste xeito, créanse vínculos moi especiais entre o alumnado. Os pequenos están encantados de ter un maior que pasa tempo con eles e os maiores non poden estar máis felices e orgullosos de axudar e coidar dos nenos e nenas de infantil. Foméntase así un sentido da responsabilidade moi importante entre o noso alumnado, que está desexando xa que chegue o seguinte mércores para volver compartir lecturas e contos cos seus afillados e afilladas.

Aitor e Diego contaron Manu na biblioteca

O pasado xoves, día 21 de novembro, tocoulles estrearse coma contadores a Aitor e Diego. Para o seu contacontos escolleron o libro "Manu".


Ese día pola mañá, coma todos os xoves de contacontos, anunciaron o contacontos pola megafonía da escola e repartiron convites para todas as titorías.

No recreo contaron o conto e fixérono de marabilla, todo o público estaba moi atento!



Noraboa, rapaces, sodes uns auténticos contacontos!

Lara e Abril contaron Cocorico na biblioteca

O pasado día 14 de novembro foi xoves de contacontos na nosa biblio. Desta volta tocoulles o turno a Lara e Abril, que escolleron Cocorico para contar ao alumnado que quixo asistir durante o recreo á biblioteca.


Ese día pola mañá, coma todos os xoves de contacontos, anunciaron o evento pola megafonía da escola e o alumnado entrou no cole a ritmo da canción Cocorico, para ir quentando motores de cara ao contacontos. Despois, repartiron convites para todas as titorías.

No recreo contaron o conto e fixérono xenial, todo o público quedou encantado!




 Noraboa, rapazas!


Magosto e Día do Peón 2019

O día 8 de novembro celebramos na escola o Magosto cunha gran castañada e chocolatada á que nos convidou a ANPA.

Abel estivo facendo unha demostración de como se asan as castañas. Mirade que estilazo!








Despois do festín, tivemos os concursos do Magosto: adiviñar canto pesaba a nosa súper cabaza e o concurso para ver quen traía a castaña máis pesada.

 


Os gañadores recibiron un pequeno agasallo e un diploma que os acredita como vencedores dos concursos.
Nesta xornada tamén celebramos o Día do Peón e o alumnado e familias estiveron pasando un bo rato e demostrando as súas dotes para bailar o peón, foi moi divertido poder xogar xuntos e xuntas na escola!








Como fin de festa, desfrutamos dunha foliada coa que nos deleitaron alumnado e familias do cole. Grazas, artistas!