3 de abril de 2020

"Vacacións"

Queridos rapaces e rapazas de sexto:

Hoxe comezamos as "vacacións" de Semana Santa. Sen dúbida van ser as vacacións máis estrañas que vivimos nunca, sen poder saír e sen desfrutar da compaña dos amigos e do resto da familia que non vive con nós na casa. Pero isto non significa que non poidamos desfrutar no fogar cos pais ou cos irmáns. Xogade, inventade e ride todo o que poidades, porque iso non hai decreto nin pandemia que o impida.
Mándovos desde aquí, confinada na miña casa coma vós, moita forza. Estádelo facendo mellor que ben e demostrando que os superheroes non son os que levan capa, senón os que coma vós, a pesar desta situación, seguen con ganas de aprender e de descubrir o mundo.
Aínda quedan días de seguir encerrados, así que procuremos aproveitalos o mellor posible, sendo amables e cariñosos cos nosos e sacando o máximo partido posible deste encerro obrigado, co que estamos axudando a que "o bicho" marche dunha vez.

Moitos bicos e lémonos á volta das "vacacións"!

Isa

Álex tamén nos envía o seu vídeo de Naturais!

Bo día!
Comezamos o venres cun vídeo feito por Álex no que nos explica a clasificación dos seres vivos que estudiamos en Ciancias da Natureza. Bo traballo, Álex!



Ademais de axudarnos a comprender mellor os temas 5 e 6, estes vídeos estannos permitindo vervos as caras, que xa levamos 21 días sen vernos!

Moito ánimo e seguide así!

Isa

2 de abril de 2020

Tarefas Matemáticas AVS en pdf

Boas tardes!

Déixovos aquí as tarefas de Matemáticas da AVS propostas o luns 30 en pdf, só para aquelas ou aqueles que non podedes facelas na plataforma de Santillana e mas pedides neste formato. O alumnado que xa as fixo na aula virtual ou mas enviou por email, por favor, esquécevos disto. Estou recibindo e corrixindo tarefas por duplicado e, en ocasións, por triplicado. Se xa as fixestes dun xeito, non as tedes que repetir en todos os formatos existentes, que son soamente distintas opcións para que cada persoa poda escoller as que mellor se adapten ás súas circunstancias.

Un saúdo

Isa

1 de abril de 2020

Nova receita do chef Aitor!

Aitor ensínanos na súa receita a facer pan! Que marabilla de receita, parece que podo ulir o pan recén feito desde aquí!

Pan da aldea

Ingredientes:


• 400 gr de fariña de trigo.

• 100 gr de fariña de centeo.

• 400 ml de auga.

• 1 culleriña do café de sal.

• 1 sobre de levadura de panadaría ou 15 gr de levadura de panadeiro fresca (prensada).


Preparación:

Tamizar as dúas fariñas nun recipiente amplo. Facer un oco no medio e engadir a auga morna, a levadura e o sal.

 Mesturar ben e amasar ata que tome forma de bolo.

Deixar repousar 3-4 horas, tapado cun pano de tea a temperatura ambiente.

Cando triplique o seu tamaño, dámoslle a forma desexada e deixamos repousar media hora.

Métese no forno a 200º durante unha hora e cuarto aproximadamente.

Eiquí o resultado!

A DESFRUTAR!

Que marabilla, Aitor, estás feito un panadeiro profesional, ese pan ten unha pinta boísima! Moi bo traballo, a túa receita está moi ben redactada e coas fotos e o texto perfectamente colocadas no documento que me enviaches.

Agardo os vosos comentarios no blog, porque nós alimentámonos de cousas tan ricas como este pan, pero un blog aliméntase dos vosos comentarios.

Ata pronto!

Isa

Exposición de Naturais feita por Paula

Ola outra vez, isto é un non parar!!!

Estades traballando tanto e tan ben que non me chegan as horas do día para corrixir, publicar no blog, en YouTube, contestar correos e abalarMóbil... Espero que entendades que vou facendo todo o que podo, pero resúltame imposible facer todo ao momento.

Paso de novo por aquí para deixar este vídeo coa exposición de Paula, que nos explica moi ben a clasificación dos seres vivos. Bo traballo, Paula!


Eu tamén te boto moito de menos, igual que a todas as compañeiras e compañeiros de sexto. Moito ánimo e a seguir traballando así de ben!

Isa

Exposición de Naturais de Aitana!

Aquí está o vídeo da exposición de Naturais de Aitana, bo traballo!



Gustoume moito poder verte despois de tantos días. Seguro que as compañeiras e compañeiros de clase tamén se alegran tanto coma min ao verte.
Grazas polo vídeo e a seguir traballando así de ben!

Isa

Solución tarefas AVS da semana do 23 de marzo

Ola de novo, alumnado e familias!

Déixovos por aquí as solucións das tarefas da Aula Virtual Santillana da semana pasada, aínda que xa as corrixín individualmente na propia plataforma e tamén por correo electrónico aos que mas mandastes así, pero por se queda alguén despistado ou despistada, aquí as tedes en documentos pdf.


A semana que vén, farei o mesmo coas tarefas que vos propuxen o luns 30 de marzo, que como ben sabedes, xa estou corrixindo tamén na Aula Virtual e por email.

Ánimo rapazas e rapaces, estádelo facendo moi ben!

Apertas

Isa