17 de marzo de 2020

Máis recomendacións de repaso e enlaces aos LibroNet de Santillana

Ola, alumnado e familias!

Algunhas e algúns de vós estádesme dicindo que tedes problemas para ver as actividades interactivas que publiquei onte na web, polo tanto, intentarei tamén facilitarvos actividades para facer ao modo tradicional, ademais de máis contido interactivo.

Propóñovos tamén para a materia de Ciencias da Natureza, que fagan un resumo dos temas 5 e 6 e preparen unha exposición oral para expoñela na casa. Incluso, se vos parece ben, podedes gravar en vídeo a exposición e enviarma por correo electrónico ao seguinte enderezo:

clasesextocentieiras@gmail.com

Ademais, se estades de acordo e me dades permiso, podo subir os vídeos das exposicións a este blog de sexto, para podernos ver as caras, aínda que sexa a través dunha pantalla.

En Matemáticas, poden practicar os números decimais: sumas, restas, multiplicacións, divisións e problemas. Prepararei unha serie de actividades deste tipo coas solucións para que as poidades corrixir na casa.

En canto ás Linguas, ademais de escribir o diario, poden repasar a gramática con análise morfolóxica e facendo esquemas dos tipos de palabras. Tamén é moi importante que lean a diario.

Finalmente, déixovos tamén por aquí os enlaces aos LibroNet da editorial Santillana de Matemáticas e Ciencias da Natureza, aínda que este último está en castelán, para que as nenas e nenos poidan seguir practicando desde a casa:

Matemáticas
Ciencias da Natureza

Unha aperta e moito ánimo!

Isa




16 de marzo de 2020

Actividades de repaso para 6º de Educación primaria

Déixovos a continuación o enlace aos vídeos educativos e actividades de repaso clasificados por materias para que as nenas e nenos de 6º poidan repasar contidos traballados na clase:
Algunhas actividades requiren Adobe Flash Player para funcionar correctamente, polo tanto asegurádevos de telo instalado no ordenador e de que estea habilitado e permitides que se execute.

Saúdos

Isa

Unha gran aperta virtual para os meus alumnos e alumnas e as súas familias!

Como ben sabedes, estamos a vivir unha situación que sae totalmente do normal. Só quero facervos chegar unha mensaxe de ánimo para estes días, que pode que vos estean resultando duros, agobiantes e nos que andamos cos nervios a flor de pel con cada nova que imos coñecendo a través dos medios de comunicación.

Agardo que pronto pase todo e poidamos volver á rutina e así, esta aperta virtual que vos envío será unha aperta real e ben forte.

Coidádevos moito e quedade na casiña.

Con moito agarimo

Isa

18 de decembro de 2019

Bo Nadal!!!

Mirade que elfos tan simpáticos apareceron hoxe en Centieiras para desexarnos Bo Nadal! Adrián C., Noa e Adrián P. puideron desfrutar deste elfo tan chulo grazas ao fantástico traballo que fan a mestra de PT, Ana Sofía, e a mestra de AL, Gloria. Moitísimas grazas por axudarnos tantísimo ao profesorado e alumnado do cole e pola dedicación e agarimo que poñedes no voso traballo!






Xoves de contos con Xavi, Xabi e David

O pasado 5 de decembro Xavi, Xabi e David estreáronse como auténticos contacontos. Para esta estrea escolleron A Guerra dos Números, de OQO Editora.


Fixérono de marabilla e o público asistente quedou encantado. Mirade que atentas e atentos están todos, non perden detalle:




Noraboa, rapaces, foi un éxito!

16 de decembro de 2019

A CÉLULA

Aquí tedes uns vídeos sobre a célula para que poidades repasar os contidos traballados en Ciencias da Natureza.




28 de novembro de 2019

Xoves de contos: Noa e Paula contaron Orellas de Bolboreta

Como xa saberedes, todos os xoves as nenas e nenos de sexto contan un conto durante o recreo na biblioteca para o alumnado que queira asistir. As propias contadoras e contadores escollen o conto que van ler, preparan a lectura e fan un debuxo anunciando o contacontos. Cando chega o día, anuncian o conto por megafonía ás nove da mañá, para que todo o alumnado da escola o escoite e, a continuación, reparten un convite para cada clase.


Este xoves, 28 de novembro, foi o turno de Noa e Paula, que contaron Orellas de Bolboreta. A biblio estaba ateigada e elas fixérono de marabilla!

 


Noraboa, rapazas!!!