19 de novembro de 2018

Quen dixo medo?




Hoxe tivemos unha actividade na escola chamada Quen dixo medo? Trátase dunha campaña de sensibilización contra a violencia machista impulsada pola Deputación da Coruña e o seu obxectivo, mediante o xogo, é desmontar os  tradicionais estereotipos de xénero.

Resultou unha actividade moi interesante para o alumnado, que  participou moito expoñendo situacións e opinións relacionadas con este tema.



 








16 de novembro de 2018

O sistema nervioso

O noso sistema nervioso consta de dúas partes:
  1. O sistema nervioso central, formado polo encéfalo (cerebro, cerebelo e bulbo raquídeo) e pola médula espiñal.
  2. O sistema nervioso periférico, formado polos nervios sensitivos, que levan información desde os órganos ata o encéfalo e a médula espiñal, e polos nervios motores, que levan ordes desde o encéfalo e a médula espiñal ata outros órganos.

Repasa o que aprendemos na clase vendo os seguintes vídeos:







15 de novembro de 2018

14 de novembro de 2018

Unha visita especial!


O mércores, 14 de novembro, durante a hora de ler recibimos na clase a visita sorpresa dos nenos e nenas de 6º de Educación Infantil. Fíxonos moita ilusión que viñeran á nosa aula!









Estivemos falando con eles sobre dinosaurios, porque as nenas e nenos da clase de Fina son uns especialistas neste tema. Deixáronnos abraiados con todo o que saben!




Moitas grazas por virnos visitar e volvede sempre que queirades!

Día do peón


O martes, día 13 de novembro, celebramos na escola o Día do peón.

Na clase de quinto empezamos a mañá facendo os nosos propios peóns con Pyssla, unha especie de abalorios de plástico de cores cos que se poden facer figuras de aspecto pixelado.






Cada nena ou neno decidiu que forma tería a súa buxaina. Algúns fixéronas redondas, outros, cadradas e outros, de formas moi variadas. Creatividade ao poder!





Tiñan que ter coidado de deixar un oco baleiro no centro da súa figura de Pyssla para despois poder introducir un pau de brocheta para facer xirar o peón.



Cando tiñan a forma desexada, eu pasáballes a plancha para que os abalorios se uniran e quedara a figura feita.




Finalmente, decoraban os paus dos seus peóns con washi tape de cores. Quedáronlles unhas buxainas moi chulas e algunhas xiraban de marabilla!


No recreo estiveron xogando con elas e parece que o pasaron moi ben!


Tamén estiveron bailando peóns de madeira dos de toda a vida, que ben se lles da!







Foi unha día especial e pasámolo moi ben xogando cos peóns!


11 de novembro de 2018

O Magosto

O pasado venres, día 9 de novembro, celebramos na escola o Magosto.
Debido ao mal tempo non foi posible facer ningunha actividade ao aire libre e tivemos que celebralo dentro do colexio.
Empezamos a xornada con obradoiros moi variados. A cada curso correspondíalle participar en dous obradoiros e aos alumnos de quinto tocoulles participar en xogos de mesa do outono e, a continuación, facer cestiños con papel de periódico para botar dentro as castañas asadas.
Por outra banda, na aula de quinto estiveron os nenos e nenas de sexto e terceiro, que fixeron un "escape classroom". A actividade consistía en que quedabamos pechados dentro da clase e, buscando pistas e descifrando enigmas que había pola aula, tiñan que atopar a chave para poder saír e ir degustar as típicas castañas asadas do Magosto. Non podo desvelar nada máis do xogo, porque creo que os nenos e nenas de quinto teñen unhas pouquiñas ganas de facelo... Así que imos manter o segredo ata que se poida contar, jejeje!
Os dous grupos o fixeron moi ben e puideron escapar!



Despois dos obradoiros tivemos a degustación de castañas asadas grazas ás aportacións das familias e da ANPA, e tamén tivemos botellas de auga para todo o alumnado grazas ao Eroski.
Polas súas caras parece que estaban ben ricas!





Como fin de festa, tivemos música tradicional grazas a alumnas, alumnos e pais. Foi unha sorte que nos agasallaran así a tod@s!

7 de novembro de 2018

Visita á exposición de pintura A Fronteira Infinda

Hoxe visitamos a exposición de pintura A Fronteira Infinda. Os artistas galegos e a emigración, na sede Afundación de Ferrol.






Alí puidemos admirar obras de artistas galegos tan importantes como Castelao, Manuel Colmeiro, Eugenio Granell, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Laxeiro, entre moitos outros, que tiveron que emigrar.








A exposición é moi interesante e puidemos facer distintas actividades relacionadas coas obras expostas. Primeiro, falamos sobre a emigración e os motivos polos cales os galegos tiveron que emigrar. 
Despois, os nenos e nenas, en grupos, tiveron que investigar e descubrir os cadros sobre os que se lles preguntaba.






Por último, tiñan que elaborar unha pequena exposición para o resto de compañeiros sobre o cadro que lles tocaba e sobre o seu autor.






Tod@s o fixeron de marabilla!

Trala visita á exposición, fixemos un obradoiro no que cada nena e neno tiña que crear unha viñeta de humor gráfico. Finalmente, cada grupo elaborou un mural coas viñetas.






Cando rematamos o obradoiro, fomos ver unha película mentres os alumnos de sexto, que tamén viñeron á saída, visitaban a exposición e facían as actividades.
A película que vimos foi Diario de Greg 3 e, polas súas reaccións, parece que a todos lles gustou bastante.



Agardamos que vos gustara o que fixemos e se quedastes con ganas de ver a exposición que visitamos, podedes facelo na sede Afundación de Ferrol ata o 5 de xaneiro de 2019.