14 de novembro de 2018

Día do peón


O martes, día 13 de novembro, celebramos na escola o Día do peón.

Na clase de quinto empezamos a mañá facendo os nosos propios peóns con Pyssla, unha especie de abalorios de plástico de cores cos que se poden facer figuras de aspecto pixelado.






Cada nena ou neno decidiu que forma tería a súa buxaina. Algúns fixéronas redondas, outros, cadradas e outros, de formas moi variadas. Creatividade ao poder!





Tiñan que ter coidado de deixar un oco baleiro no centro da súa figura de Pyssla para despois poder introducir un pau de brocheta para facer xirar o peón.



Cando tiñan a forma desexada, eu pasáballes a plancha para que os abalorios se uniran e quedara a figura feita.




Finalmente, decoraban os paus dos seus peóns con washi tape de cores. Quedáronlles unhas buxainas moi chulas e algunhas xiraban de marabilla!


No recreo estiveron xogando con elas e parece que o pasaron moi ben!


Tamén estiveron bailando peóns de madeira dos de toda a vida, que ben se lles da!







Foi unha día especial e pasámolo moi ben xogando cos peóns!


11 de novembro de 2018

O Magosto

O pasado venres, día 9 de novembro, celebramos na escola o Magosto.
Debido ao mal tempo non foi posible facer ningunha actividade ao aire libre e tivemos que celebralo dentro do colexio.
Empezamos a xornada con obradoiros moi variados. A cada curso correspondíalle participar en dous obradoiros e aos alumnos de quinto tocoulles participar en xogos de mesa do outono e, a continuación, facer cestiños con papel de periódico para botar dentro as castañas asadas.
Por outra banda, na aula de quinto estiveron os nenos e nenas de sexto e terceiro, que fixeron un "escape classroom". A actividade consistía en que quedabamos pechados dentro da clase e, buscando pistas e descifrando enigmas que había pola aula, tiñan que atopar a chave para poder saír e ir degustar as típicas castañas asadas do Magosto. Non podo desvelar nada máis do xogo, porque creo que os nenos e nenas de quinto teñen unhas pouquiñas ganas de facelo... Así que imos manter o segredo ata que se poida contar, jejeje!
Os dous grupos o fixeron moi ben e puideron escapar!



Despois dos obradoiros tivemos a degustación de castañas asadas grazas ás aportacións das familias e da ANPA, e tamén tivemos botellas de auga para todo o alumnado grazas ao Eroski.
Polas súas caras parece que estaban ben ricas!





Como fin de festa, tivemos música tradicional grazas a alumnas, alumnos e pais. Foi unha sorte que nos agasallaran así a tod@s!

7 de novembro de 2018

Visita á exposición de pintura A Fronteira Infinda

Hoxe visitamos a exposición de pintura A Fronteira Infinda. Os artistas galegos e a emigración, na sede Afundación de Ferrol.






Alí puidemos admirar obras de artistas galegos tan importantes como Castelao, Manuel Colmeiro, Eugenio Granell, Luís Seoane, Isaac Díaz Pardo ou Laxeiro, entre moitos outros, que tiveron que emigrar.








A exposición é moi interesante e puidemos facer distintas actividades relacionadas coas obras expostas. Primeiro, falamos sobre a emigración e os motivos polos cales os galegos tiveron que emigrar. 
Despois, os nenos e nenas, en grupos, tiveron que investigar e descubrir os cadros sobre os que se lles preguntaba.






Por último, tiñan que elaborar unha pequena exposición para o resto de compañeiros sobre o cadro que lles tocaba e sobre o seu autor.






Tod@s o fixeron de marabilla!

Trala visita á exposición, fixemos un obradoiro no que cada nena e neno tiña que crear unha viñeta de humor gráfico. Finalmente, cada grupo elaborou un mural coas viñetas.






Cando rematamos o obradoiro, fomos ver unha película mentres os alumnos de sexto, que tamén viñeron á saída, visitaban a exposición e facían as actividades.
A película que vimos foi Diario de Greg 3 e, polas súas reaccións, parece que a todos lles gustou bastante.



Agardamos que vos gustara o que fixemos e se quedastes con ganas de ver a exposición que visitamos, podedes facelo na sede Afundación de Ferrol ata o 5 de xaneiro de 2019.


5 de novembro de 2018

Mural de Samaín

Seguímosvos amosando todo o que fixemos para decorar a escola polo Samaín. Ademais do sombreiro e a vasoira de Harry Potter, tamén fixemos un mural que quedou ben bonito, non vos parece?


Ademais, as nenas e nenos do Quinto Pino de Centieiras fixeron cadansúa proposta para que a mestra se disfrazara este Samaín... Teñen unhas ideas ben simpáticas, non credes?


Se queredes ver as súas propostas de disfraces, están expostas no corredor da segunda planta, ao lado da nosa clase.

Por último, para dar un toque terrorífico ao cole, recortamos unha chea de corvos negros e pegámolos nas ventás da clase e nas das escaleiras do segundo piso. Atrevédesvos a subir?

O Sombreiro Seleccionador e a Nimbus 2000


Para decorar a escola polo Samaín, cada clase fixo un sombreiro de bruxa e unha vasoira.
No Quinto Pino fixemos o Sombreiro Seleccionador de Howarts. Custounos un pouco, pero, ao final, quedamos satisfeitos co resultado.









A vasoira que escollimos para fecer foi a Nimbus 2000, a vasoira que usa Harry Potter para xogar ao Quidditch.










Ademais, como complemento, tamén fixemos unha Snitch Dourada e uns posters explicativos do noso traballo.


             



Todos os sombreiros e vasoiras quedaron moi chulos, nótase que todos os cursos traballaron moito. Se aínda non vistes a exposición, apurade e vide visitala estes días, merece a pena!