31 de marzo de 2020

Torta de queixo, receita do chef Xavi

Bo día!

Aquí seguimos coas vosas deliciosas receitas! Esta vez da man de Xavi, que nos envía a súa receita de torta de queixo. Non sei por que será, pero este blog ultimamente estame a dar fame, a vós tamén vos pasa?

Torta de queixo

Ingredientes:
- tres cuartos litros de leite.
- canela ao gusto.
- 225 gr de azucre.
- pel de laranxa ao gusto.
- 7 ovos.
- 9 queixiños.
- manteiga para untar o molde.

Preparación:
Nunha pota engadir o leite, a canela e a pel de laranxa.


Batir os ovos, o azucre e os queixiños.


Despois, quitade as peles da laranxa da primeira mestura e engadídea á segunda mestura. Remexede ben.


Ao final poñédeo todo nun recipiente e metédeo no forno a 180º e 25 minutos. Cando remate, deixádeo no forno uns minutos...


... e listo!


* Que boa pinta ten esa torta, Xavi! E vese que tés boa man coa cociña!
Ao final ides rematar este confinamento feitos uns grandes reposteiros. Ademais, seguro que así lles estades alegrando o día a día ás vosas familias, preparándolles cousas tan ricas.
Eu aquí sigo esperando máis receitas, veña, animádevos a cociñar!

Isa

30 de marzo de 2020

Bola de cacao, receita do chef Iago

Comezamos esta semana gastronómica na que seguro que me sorprendedes cunha chea de delicias.
O primeiro en apuntarse a cociñar foi Iago, que nos manda a súa receita. Eu xa estou desexando probala!
BOLA DE CACAO

INGREDIENTES PARA 4 PERSOAS:

20 unidades de galletas
3 unidades de ovos
1 vaso de cacao en pó (Nesquik ou Cola Cao)
½ vaso de azucre
½ vaso de aceite
1 vaso de leite
1 sobre de levadura en pó (opcional)


PREPARACIÓN:

Primeiro, botámolo todo nun recipiente e batémolo con batedor ata que non queden grumos.


Segundo, pasámolo a un recipiente de plástico (APTO PARA MICROONDAS)


Terceiro, metémolo no microondas 10 minutos e deixámolo repousar outros 10 minutos coa porta do microondas pechada.

Cuarto, quitámolo do microondas.


Quinto, a comer!

Espero que vos guste.

Unha aperta

Iago



* Mmmmm, que boa pinta, Iago, quedouche xenial, eu quero un anaco!

E aos demais, xa sabedes, ide poñéndovos coas mans na masa e a cociñar. Agardo as vosas receitas e tamén os vosos comentarios. Se facedes algunha das que vou publicando no blog, podedes comentar que tal vos saiu, se vos gusta cociñar ou o que vos apeteza contarnos.

Ata mañá!
Isa

Gran estrea do videoclip Quédate en tu casa versión Centieiras!!!

Boas de novo!

Volvo pasar por aquí para deixarvos o vídeo da canción Quédate en tu casa feito coa vosa colaboración. Que ilusión e que emoción vervos, grazas por participar!!!



Moitos bicos e quedade na casa!

Isa

Novas propostas de tarefas para esta semana (30 de marzo)

Estimadas familias e alumnado de sexto:

Xa están dispoñibles na Aula Virtual de Santillana as novas propostas de actividades de Matemáticas e Lingua Castelá para esta semana.

En canto a Ciencias da Natureza, propóñovos esta actividade titulada Experimentando coa materia, na que atoparedes dous sinxelos experimentos que poderedes facer na casa e actividades relacionadas con eles.
Lémbrovos que os que aínda non o fixestes, podedes enviar os vosos vídeos coa exposición dos temas 5 e 6 de Naturais ao correo clasesextocentieiras@gmail.com. Queremos vervos! 

Para Lingua Galega, propóñovos redactar unha receita de cociña, preferiblemente unha receita que fagades estes días na casa. Pinchando aquí atoparedes un documento pdf cun guión para redactar a receita e un exemplo que podedes usar como modelo. Podedes enviarme as vosas receitas ao correo eléctrónico clasesextocentieiras@gmail.com e publicareinas neste blog para que todas e todos poidamos probalas nas nosas casas.

Recordade que se tedes dúbidas de vocabulario ou ortografía durante a redacción da vosa receita, podedes consultar o Dicionario da Real Academia Galega en liña.

Agardo ver pronto os vosos traballos.

Moito ánimo para afrontar esta terceira semana de confinamento!

Apertas

Isa

29 de marzo de 2020

Comezamos a semana coa exposición de Naturais de Manuel!

Bo día a todas e todos!

Comezamos a semana cunha nova alegría, o vídeo feito por Manuel para explicar a clasificación dos seres vivos.
Moi bo traballo, Manuel nótase que preparaches ben os temas para facer a túa exposición, noraboa!


Que ben verte por aquí, Manuel! Grazas polo teu vídeo!

Apertas

Isa

27 de marzo de 2020

Tarefas de Matemáticas e Lengua da aula virtual Santillana en pdf

Bo día a todas e todos!

En vista de que algúns de vós estades tendo dificultades para atopar as actividades na aula virtual Santillana, déixovolas en pdf nuns documentos adxuntos que atoparedes ao final deste texto. Deixo só as de Matemáticas e Lengua, esquecédevos das de Naturais.

Para enviarme as tarefas podedes esoller o método que mellor se adapte ás vosas circunstancias:

- Podedes imprimir os documentos en pdf e facer as actividades no propio documento. Unha vez feitas, podedes escanear os documentos ou sacarlles fotos e mandarmas ao enderezo clasesextocentieiras@gmail.com

- Podedes facer as tarefas nun papel que teñades na casa, escanealo ou mandarme as fotos ao enderezo clasesextocentieiras@gmail.com

- Podedes facer as tarefas a ordenador nun documento de word en enviarmo en word ou pdf ao enderezo clasesextocentieiras@gmail.com

Un saúdo e boa fin de semana!


Comezamos o día co vídeo de Sara!

Hoxe comezamos o día co vídeo de Naturais feito por Sara, que alegría recibilo!
Sara explícanos os 5 reinos nos que se clasifican os seres vivos e faino de marabilla! Fantástico, Sara, nótase que te sabes moi ben os temas! Moitas grazas por mandar o vídeo e a seguir traballando así de ben!



Saúdos

Isa

25 de marzo de 2020

Iago tamén nos envía o seu vídeo coa exposición de Naturais!

Moi boas tardes!

Hoxe é un novo día e levei un nova alegría ao ver que Iago tamén se animou a mandarme o seu vídeo coa exposición dos temas 5 e 6 de Ciencias da Natureza. Moi ben, Iago, fixéchelo fenomenal! Vese que te esforzaches e que tés os temas controlados. Noraboa!!!


Como dis no teu vídeo, eu tamén espero que isto pase pronto e nos vexamos de novo na escola. Moita forza, sodes fantásticos e estou moi orgullosa de vós!

Biquiños

Isa

24 de marzo de 2020

Nerea tamén nos manda a súa exposición de Naturais!

Boas de novo!

Que alegría ver a Nerea facendo a súa exposición sobre a clasificación dos seres vivos de Naturais! O vídeo quedou xenial e ela faino de marabilla. Moitas grazas Nerea por esforzarte tanto, o tema telo totalmente controlado!


E como di Nerea, a seguir quedando na casa, moita forza!

Exposición de Ciencias Naturais de Lara!

Bo día a todas e todos!

Onte levei unha gran alegría porque Lara foi a primeira en animarse a enviarme o vídeo coa súa exposición de Ciencias da Natureza! Moitas grazas Lara, é un pracer verte. Ademais, fixeches moi ben a túa exposición. Noraboa e segue así!



Un biquiño

Isa

23 de marzo de 2020

Novas tarefas para 6º EP en Aula Virtual Santillana

Boas de novo!

Infórmovos que tedes novas tarefas de Matemáticas e Lingua Castelá asignadas na Aula Virtual de Santillana. Para acceder debedes seguir este enlace e entrar co usuario e contrasinal que vos enviei mediante abalarMóbil.

Tamén vos deixo un test e un crucigrama de Ciencias da Natureza:

Moito ánimo e a seguir na casiña!

Apertas

Isa

17 de marzo de 2020

Máis recomendacións de repaso e enlaces aos LibroNet de Santillana

Ola, alumnado e familias!

Algunhas e algúns de vós estádesme dicindo que tedes problemas para ver as actividades interactivas que publiquei onte na web, polo tanto, intentarei tamén facilitarvos actividades para facer ao modo tradicional, ademais de máis contido interactivo.

Propóñovos tamén para a materia de Ciencias da Natureza, que fagan un resumo dos temas 5 e 6 e preparen unha exposición oral para expoñela na casa. Incluso, se vos parece ben, podedes gravar en vídeo a exposición e enviarma por correo electrónico ao seguinte enderezo:

clasesextocentieiras@gmail.com

Ademais, se estades de acordo e me dades permiso, podo subir os vídeos das exposicións a este blog de sexto, para podernos ver as caras, aínda que sexa a través dunha pantalla.

En Matemáticas, poden practicar os números decimais: sumas, restas, multiplicacións, divisións e problemas. Prepararei unha serie de actividades deste tipo coas solucións para que as poidades corrixir na casa.

En canto ás Linguas, ademais de escribir o diario, poden repasar a gramática con análise morfolóxica e facendo esquemas dos tipos de palabras. Tamén é moi importante que lean a diario.

Finalmente, déixovos tamén por aquí os enlaces aos LibroNet da editorial Santillana de Matemáticas e Ciencias da Natureza, aínda que este último está en castelán, para que as nenas e nenos poidan seguir practicando desde a casa:

Matemáticas
Ciencias da Natureza

Unha aperta e moito ánimo!

Isa




16 de marzo de 2020

Actividades de repaso para 6º de Educación primaria

Déixovos a continuación o enlace aos vídeos educativos e actividades de repaso clasificados por materias para que as nenas e nenos de 6º poidan repasar contidos traballados na clase:
Algunhas actividades requiren Adobe Flash Player para funcionar correctamente, polo tanto asegurádevos de telo instalado no ordenador e de que estea habilitado e permitides que se execute.

Saúdos

Isa

Unha gran aperta virtual para os meus alumnos e alumnas e as súas familias!

Como ben sabedes, estamos a vivir unha situación que sae totalmente do normal. Só quero facervos chegar unha mensaxe de ánimo para estes días, que pode que vos estean resultando duros, agobiantes e nos que andamos cos nervios a flor de pel con cada nova que imos coñecendo a través dos medios de comunicación.

Agardo que pronto pase todo e poidamos volver á rutina e así, esta aperta virtual que vos envío será unha aperta real e ben forte.

Coidádevos moito e quedade na casiña.

Con moito agarimo

Isa