23 de setembro de 2019

A dixestión

Repasade o que traballamos na clase con este resumo e o vídeo que hai ao final.

O proceso dixestivo realízase no aparello dixestivo e comprende tres fases:
  1. A dixestión
  2. A absorción de nutrientes
  3. A eliminación de refugos

O aparello dixestivo

O aparello dixestivo está formado polo tubo dixestivo (a boca, a farinxe, o esófago, o estómago, o intestino delgado, o intestino groso e o ano) e polas glándulas anexas (as glándulas salivares, o fígado e o páncreas).

A dixestión

A dixestión é o proceso polo cal se obteñen os nutrientes dos alimentos. A dixestión realízase en varias etapas:
  1. Na boca tritúranse os alimentos cos dentes e as glándulas salivares segregan saliva. A lingua mestura os alimentos mastigados coa saliva e deste xeito fórmase o bolo alimenticio, que é empurrado cara á farinxe, baixa polo esófago e finalmente chega ao estómago.
  2. Nas paredes do estómago segréganse os zumes gástricos e prodúcense uns movementos que permiten que os zumes se mesturen cos alimentos. Así fórmase o quimo, que é unha papa cos alimentos parcialmente dixeridos.
  3. No intestino delgado mestúrase o quimo co zume intestinal e cos zumes que verten ao intestino o páncreas, que verte zume pancreático, e o fígado, que verte a bile. Con eles o quimo transfórmase no quilo, que contén os nutrientes e os restos de alimento non dixeridos.
A absorción de nutrientes

É o paso dos nutrientes do intestino delgado ao sangue. A absorción prodúcese cando os nutrientes pasan do interior do intestino delgado aos capilares sanguíneos das pilosidades intestinais. A través do sangue, os nutrientes chegarán a todas as células do corpo.

A eliminación dos refugos

Os refugos son os restos dos alimentos que quedan despois da dixestión e que o corpo non pode utilizar. Estes refugos pasan ao intestino groso e forman as feces, que se expulsan ao exterior polo ano.


Ningún comentario:

Publicar un comentario