19 de xuño de 2020

Querida familia de sexto:

Hoxe é un día moi especial para todas e todos os que formamos parte desta gran familia, a nosa familia de sexto. Hoxe rematamos as clases e finalizades a vosa etapa no cole de Centieiras, pero Centieiras sempre será a vosa casa e sempre estaremos felices de recibirvos na escola cando nos queirades visitar.

Este curso foi do máis estraño. Nunca podiamos imaxinar que no segundo trimestre se suspenderían as clases, que teriamos unha aula virtual e nos comunicariamos por videoconferencia.

E quen nos ía dicir a mediados de marzo que estar separados desde aquela, en lugar de distanciarnos, nos ía unir aínda máis? Demostrastes estar á altura das circunstancias, seguistes conectados, con ganas de aprender, de traballar e de seguir descubrindo o mundo, aínda cando non podiamos saír da casa e fixestes que as vosas mestras e mestre esteamos tremendamente orgullosos de vós.

Durante estes anos xuntos, enfadeime moitas veces e sacástesme das miñas casiñas outras tantas, pero foron moitas máis as que me arrancastes sorrisos e gargalladas. Seguide sendo como sodes, aínda que ás veces sexades o demo, sodes auténticos e deixades pegada en quen ten a sorte de cruzar o seu camiño con vós.

Un bico enorme e feliz verán a todas e todos!