25 de marzo de 2020

Iago tamén nos envía o seu vídeo coa exposición de Naturais!

Moi boas tardes!

Hoxe é un novo día e levei un nova alegría ao ver que Iago tamén se animou a mandarme o seu vídeo coa exposición dos temas 5 e 6 de Ciencias da Natureza. Moi ben, Iago, fixéchelo fenomenal! Vese que te esforzaches e que tés os temas controlados. Noraboa!!!


Como dis no teu vídeo, eu tamén espero que isto pase pronto e nos vexamos de novo na escola. Moita forza, sodes fantásticos e estou moi orgullosa de vós!

Biquiños

Isa

24 de marzo de 2020

Nerea tamén nos manda a súa exposición de Naturais!

Boas de novo!

Que alegría ver a Nerea facendo a súa exposición sobre a clasificación dos seres vivos de Naturais! O vídeo quedou xenial e ela faino de marabilla. Moitas grazas Nerea por esforzarte tanto, o tema telo totalmente controlado!


E como di Nerea, a seguir quedando na casa, moita forza!

Exposición de Ciencias Naturais de Lara!

Bo día a todas e todos!

Onte levei unha gran alegría porque Lara foi a primeira en animarse a enviarme o vídeo coa súa exposición de Ciencias da Natureza! Moitas grazas Lara, é un pracer verte. Ademais, fixeches moi ben a túa exposición. Noraboa e segue así!



Un biquiño

Isa

23 de marzo de 2020

Novas tarefas para 6º EP en Aula Virtual Santillana

Boas de novo!

Infórmovos que tedes novas tarefas de Matemáticas e Lingua Castelá asignadas na Aula Virtual de Santillana. Para acceder debedes seguir este enlace e entrar co usuario e contrasinal que vos enviei mediante abalarMóbil.

Tamén vos deixo un test e un crucigrama de Ciencias da Natureza:

Moito ánimo e a seguir na casiña!

Apertas

Isa

17 de marzo de 2020

Máis recomendacións de repaso e enlaces aos LibroNet de Santillana

Ola, alumnado e familias!

Algunhas e algúns de vós estádesme dicindo que tedes problemas para ver as actividades interactivas que publiquei onte na web, polo tanto, intentarei tamén facilitarvos actividades para facer ao modo tradicional, ademais de máis contido interactivo.

Propóñovos tamén para a materia de Ciencias da Natureza, que fagan un resumo dos temas 5 e 6 e preparen unha exposición oral para expoñela na casa. Incluso, se vos parece ben, podedes gravar en vídeo a exposición e enviarma por correo electrónico ao seguinte enderezo:

clasesextocentieiras@gmail.com

Ademais, se estades de acordo e me dades permiso, podo subir os vídeos das exposicións a este blog de sexto, para podernos ver as caras, aínda que sexa a través dunha pantalla.

En Matemáticas, poden practicar os números decimais: sumas, restas, multiplicacións, divisións e problemas. Prepararei unha serie de actividades deste tipo coas solucións para que as poidades corrixir na casa.

En canto ás Linguas, ademais de escribir o diario, poden repasar a gramática con análise morfolóxica e facendo esquemas dos tipos de palabras. Tamén é moi importante que lean a diario.

Finalmente, déixovos tamén por aquí os enlaces aos LibroNet da editorial Santillana de Matemáticas e Ciencias da Natureza, aínda que este último está en castelán, para que as nenas e nenos poidan seguir practicando desde a casa:

Matemáticas
Ciencias da Natureza

Unha aperta e moito ánimo!

Isa




16 de marzo de 2020

Actividades de repaso para 6º de Educación primaria

Déixovos a continuación o enlace aos vídeos educativos e actividades de repaso clasificados por materias para que as nenas e nenos de 6º poidan repasar contidos traballados na clase:
Algunhas actividades requiren Adobe Flash Player para funcionar correctamente, polo tanto asegurádevos de telo instalado no ordenador e de que estea habilitado e permitides que se execute.

Saúdos

Isa

Unha gran aperta virtual para os meus alumnos e alumnas e as súas familias!

Como ben sabedes, estamos a vivir unha situación que sae totalmente do normal. Só quero facervos chegar unha mensaxe de ánimo para estes días, que pode que vos estean resultando duros, agobiantes e nos que andamos cos nervios a flor de pel con cada nova que imos coñecendo a través dos medios de comunicación.

Agardo que pronto pase todo e poidamos volver á rutina e así, esta aperta virtual que vos envío será unha aperta real e ben forte.

Coidádevos moito e quedade na casiña.

Con moito agarimo

Isa